Luísa Feijóo explica que a vontade do Concello é manter o seu compromiso con este proxecto solidario coas nenas e nenos do Sáhara
Desde hoxe, e ata finais de agosto, as 11 nenas e nenos saharauís acollidos por familias amesás gozarán do verán no noso concello, grazas ao programa Vacacións en Paz, organizado pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Soagaps) e que conta coa colaboración do Concello de Ames.
As familias do noso concello demostraron unha vez máis a súa solidariedade, pasando dunha soa familia acolledora a 10 nun período de dous anos. Asemade, o Concello de Ames tamén aporta o seu grao de area, sufragando o billete de avión das cativas e cativos que estarán durante os meses de verán no concello.
Malia as dificultades xurdidas nos últimos días coas aeroliñas, as 11 nenas e nenos saharauís que veñen a Ames xa están todas e todos coas súas familias de acollida. A entrega ás familias tivo lugar esta mañá no Hotel Scala de Padrón, despois de teren chegado ao longo da noite de onte e a mañá de hoxe a Galicia.