23 Agosto, 2017

Xa está dispoñible o prego para adxudicación dos nichos no cemiterio municipal

Unha vez remate o período de exposición pública do prego, abrirase un prazo de solicitude

O Concello de Ames vén de publicar o prego de condicións que rexerán a adxudicación de concesións de nichos, tumbas, panteóns e columbarios do cemiterio municipal de Ames, situado no lugar de Os Batáns.

O devandito prego regula o procedemento de adxudicación para uso privativo de nichos, tumbas, panteóns e columbarios, que están situados nas rúas 1, 2, 6 e 7 do cemiterio municipal de Ames. Hai dous tipos de panteóns: o tipo A dispón de 3 nichos e 1 columbario, mentres que o tipo B dispón de 4 nichos.

Este prego está regulado en coordinación co regulamento do cemiterio municipal. Deste xeito, existen dous períodos posibles de concesión para as distintas unidades de enterramento. A primeira opción é da concesión por un período de 25 anos, con posibilidade de renovación por períodos de 25 anos ata un máximo de 75 anos. A segunda opción é da concesión por un período de 75 anos, non renovables.

Unha vez remate o período de exposición pública do prego, abrirase un prazo de solicitude. Posteriormente, realizarase a adxudicación dos nichos, tumbas, panteóns e columbarios, para que a partir dese momento se poidan comezar a empregar estas instalacións do cemiterio. Ademais, faltan por aprobar dúas ordenanzas que o goberno ten que levar a pleno, para que, se procede, sexan aprobadas pola corporación municipal. Unha delas recolle os prezos de diferentes servizos como poden ser o uso da da sala de autopsias, da colocación de lápidas, etc. Estes servizos serían prestados polo Concello e posteriormente cobraríanselles ás persoas que os contrataron. A segunda ordenanza recollerá as taxas dos permisos que hai que sacar para o uso dos citados servizos.