Estar o máis preto posible da veciñanza e escoitar as súas queixas, suxestións. Ese é o motivo que dá o Concello de Ames para establecr unha liña directa coa cidadanía a través do whatsAmes. Escribindo ao 606 71 41 63, calquera particular do municipio pode falar directamente co Concello.
Este novo sistema valerá para todo tipo de comunicacións: dende avisar dun farol sen luz ou un columpio roto a aclarar dúbidas sobre servizos municipais.
O alcalde, Blas García, considera que “esta nova ferramenta de comunicación entre a veciñanza e o concello pretende ser un elemento máis áxil e doado, xa que a maioría das persoas usan o whatsapp”, e continúa defendendo este novo servizo como “unha aplicación con moitas posibilidades porque permite achegar fotos, arquivos de texto ou incluso xeolocalizar calquera incidencia”. O rexedor anima á cidadanía a gardar na súa axenda de contactos este novo número de teléfono.