Por primeira vez o Concello creou un grupo inclusivo de teatro formativo e lúdico durante o curso 2025-2026, que está formado por Salvador Figueira, Rodrigo Lema, Pilar Puga, María Ríos, Mari Carmen Prieto, María Xosé Saborido e Pilar Ortiz. Este novo proxecto enmárcase dentro da Escola municipal de teatro de Ames. Como peche de curso, o pasado xoves 4 de xuño, representaron na Casa da Cultura de Bertamiráns, o espectáculo A eclipse, unha obra que aborda a nostalxia da infancia e todas as sensacións desa etapa: os xogos, os libros, os bocadillos…
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a marabillosa interpretación destes actores e actrices, que incluso se permitiron a licenza de improvisar. Co gallo da eclipse solar que escurecerá Galicia o vindeiro mércores, 12 de agosto, o grupo abordou os seus desexos máis puros, sendo un deles volver vivir a infancia. A escena estivo construída coas vivencias persoais de todos e todas.
Deste xeito, os alumnos e alumnas do grupo inclusivo da escola de teatro clausuraron este curso cunha función, que valeu de mostra de todos os conceptos teatrais que foron adquirindo durante todo o ano académico.
O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, explica que se trata “dun proxecto que naceu para abrir camiños, para darlle unha oportunidade a cada persoa e dicirlle: ti tamén contas. Gracias á insistencia da concelleira de Benestar Social, Uxía García, ao interese e implicación de María Vázquez, técnica de Cultura, e ao bo traballo de Marta, a profesora do grupo, fomos capaces de desenvolver este proxecto e estrear este espectáculo que pon remate a esta tempada. Pero isto non remata aquí, porque a próxima tempada será aínda máis grande, máis diversa, máis nosa. Porque cando Ames aposta pola inclusión, Ames medra”.
Estrea de Mobilizad@s
Por outra banda, o pasado venres, 5 de xuño, o grupo municipal de teatro estreou o espectáculo Mobilizad@s na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dunha comedia sobre as dificultades do mundo moderno: exposición pública, timos, presións nas redes… Unha reflexión cómica e paródica feita desde o escenario para tomarnos con moito humor os cambios dos novos tempos. O vindeiro venres, 12 de xuño, ás 20.30 horas, representarán este mesmo espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns.
Máis clausuras esta semana
Durante esta semana iranse sucedendo o resto de peches dos grupos infantís e xuvenís. Este martes, 9 de xuño, ás 17.30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, será a quenda do grupo infantil de 6º de infantil e 1º e 2º de primaria, que presentarán a peza Tufina, unha princesa pouco fina. Este mesmo día o grupo infantil de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria representará o espectáculo Un accidente inesperado, ás 20.00 horas; e o grupo xuvenil de educación secundaria porá en escena ás 20.30 horas a obra teatral A máquina do tempo.
Doutra banda, o mércores 10 de xuño, as representacións terán lugar na Casa da Cultura do Milladoiro. Nesta xornada actuará ás 19.00 horas o grupo infantil de educación primaria que vai representar Unha historia de Carapuchiñas; e ás 20.00 horas será a quenda do grupo xuvenil de educación secundaria co espectáculo Historias dunha comisaría.